Agenda

Mulleres Bravas: defendendo o común en Galicia e Honduras. María Esther Velásquez, Maygra Isabel Guevara e Mónica Cea. Encontros Americanos na Granell
-
5 de marzo de 2026

Mulleres Bravas: defendendo o común en Galicia e Honduras.

María Esther Velásquez, Maygra Isabel Guevara e Mónica Cea.

Xoves, 5 de marzo, 2026. 19.00 h

Fundación Eugenio Granell, Praza do Toural s/n, Santiago de Compostela

 

María Esther Velásquez (Namasigüe, Honduras) na súa traxectoria combina compromiso social e defensa ambiental: participa en redes de mulleres que loitan contra a violencia de xénero e forma parte de plataformas que resisten fronte ás industrias extractivas conseguindo que o seu municipio se declarase libre de minería e megaparques de enerxías renovábeis.

Maygra Isabel Guevara Cruz dende moi nova implicouse na defensa comunitaria das zonas de pesca de Namasigüe, evitando que intereses empresariais se apoderasen das lagoas e canais tradicionais. Hoxe impulsa accións de conservación e xestión sostíbel a través da Asociación de Pescadores.

Desde A Ulloa, Mónica Cea, suma a súa voz desde o rural fronte ao macroproxecto industrial de Altri na defensa do territorio e da vida digna.

Mulleres Bravas é un proxecto conxunto de Amigas da Terra e Enxeñería sen Fronteiras como punto de encontro entre activistas de Honduras e Galicia. O proxecto aposta por tecer redes de solidariedade, recoñecendo o papel das mulleres como defensoras do territorio. Nas conversas fálase de modelo produtivo, de sostíbilidade e de igualdade, entendendo que a defensa ambiental é tamén unha cuestión de xustiza social. As experiencias do Sur Global e do rural galego dialogan. Mulleres Bravas non é só un proxecto: é un tecido vivo de voces, afectos e aprendizaxes compartidas.

 

Os Encontros Americanos na Granell


Os Encontros Americanos na Granell teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordan temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.

Os Encontros teñen lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, e cofinanciados pola Vicerreitoria de Estudantes e Cultura.

Os seus participantes son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, e profesionais vencellados á realidade da rexión.