Desprazamento forzado. O éxodo das caravanas migrantes na Centroamérica actual.
Eduardo Flores Arróliga
Mércoles, 30 de outubro, 2024. 19.00h
Fundación Eugenio Granell, Praza do Toural s/n
Outubro de 2018 marca un detonante no comportamento do desprazamento forzado na rexión centroamericana. Miles de persoas organizáronse e partiron dende San Pedro Sula (Honduras) para cruzar México coa intención de chegar a Estados Unidos de América. O fenómeno a gran escala deste fluxo social e que aínda continúa, resulta dunha multicausalidade: a violencia estrutural polo crime organizado, os estados de excepción, feminicidios, ausencia de oportunidades laborais, economías excluíntes e desastres naturais que viven os pobos centroamericanos. A conferencia expón como as causas deste paradigma de mobilidade humana cuestiona o concepto tradicional de migración para entender a complexidade de carácter bio e necropolítico. Ao mesmo tempo preséntanse as repercusións das políticas antimigrantes que negan estes actos de desfronteirización no éxodo do centro e sur ao norte de América.
Eduardo Flores Arróliga, Managua-Nicaragua. Doutor en Filosofía pola Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo, México. Foi profesor e investigador do Departamento de Ciencias Sociales da Universidad Centroamericana, Nicaragua. Fixo unha estancia doutoral na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Seus temas e áreas de investigación abarcan a antropoloxía filosófica, os estudos culturais centroamericanos e o pensamento filosófico de Baruj Spinoza, Xavier Zubiri e María Zambrano. Publicou artigos en revistas académicas e é autor do libro de ensaios narrativos Tiembla todo lo vivo (anamá ediciones, 2023)
Os Encontros Americanos na Granell teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordarán temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.
Os Encontros terán lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, e cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural.
Os seus participantes serán especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade da rexión nas súas múltiples facetas.