Agenda

Reggaetón e latinidade en España. Marina Arias Salvado. Ciclo de Encontros Americanos na Granell
-
24 de xaneiro de 2024

Reggaetón e latinidade en España

Marina Arias Salvado

Mércores, 24 xaneiro, 2024. 19.00h

Fundación Eugenio Granell, Praza do Toural s/n

 

A música, entendida como práctica cultural, é un vehículo para vivir as identidades. Neste senso, fenómenos musicais trasnacionais como o reggaetón permítennos interrogar as tensións que emerxen da herdanza colonial española nos territorios hispanoamericanos. No seu desenvolvemento comercial a comezos do século, o reggaetón codificouse como música latina, unha categoría que, ao chegar a España, foi asimilada como válida. Así, observarase a construción da latinidade a través do reggaetón no contexto español.


Marina Arias Salvado é graduada en Musicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, onde na actualidade realiza a súa tese de doutoramento sobre a historia do reggaetón en España cun contrato de predoutoramento UCM/Santander. Os seus intereses céntranse nas músicas populares, así como o análise desde a produción musical. Realizou unha estancia de investigación no Center for Latin American Studies de Boston University. Participa asiduamente en congresos de (etno)musicoloxía e ten diferentes publicacións sobre o tema. Ademais, levou a cabo actividades de transferencia en institucións como o Museo do Chopo (UAM, México) e a revista Pitchfork, entre outros.

 

Os Encontros Americanos na Granell teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordarán temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.


Os Encontros terán lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, e cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural.


Os seus participantes serán especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade da rexión nas súas múltiples facetas.