O Grupo HistAmérica lamenta o pasamento de Justo Beramendi
Justo Beramendi González naceu en Madrid en xullo de 1941. Despois de finalizar o bacharelato, estudou Enxeñería Industrial en Madrid, onde conectou cos ambientes estudantís antifranquistas. Fuxindo da policía, foi vivir a Barcelona a comezos dos setenta, onde compaxinou a actividade de tradutor de libros de arte e arquitectura co comezo dos estudos da súa verdadeira paixón, a Historia, na Universidade de Barcelona. Interesouse neses anos ademais pola filosofía política, promovendo revísta Negacións e os congresos de “novos filósofos”, e na economía política, froito da cal é o seu libro, en colaboración con E. Fioravanti, Miseria da economía (1974).
En 1975, convértese en secretario da comisión cultural do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), polo que se establece en Compostela, e finaliza os estudos de Historia na USC, compaxinándoos co seu labor no COAG, a militancia política por un tempo no Partido Socialista Gallego, e o impulso á creación do Museo do Pobo Galego (MPG), entidade á que estivo ligado polo resto dos seus días.
Completou o seu doutoramento en 1987 con Distinción Extraordinaria e converteuse en profesor asociado (1987-1989), profesor titular (1989-1995) e, finalmente, profesor titular ata a súa xubilación en 2011, cando foi designado como profesor emérito.
As súas liñas de investigación foron o análise das ideoloxías, o estudo dos movementos nacionalistas, e a metodoloxía da Historia Política. A súa tese de licenciatura sobre a figura do intelectual galeguista Vicente Risco, publicada en 1981 constituíu a base para diversos libros dedicados a figuras e etapas da historia do galeguismo e, sobre todo, para o libro Galicia, de provincia a nación (2007), merecedor do Premio Nacional de Ensaio no ano 2008, ademais do Premio Losada Diéguez e o Premio da Crítica, entre outros galardóns. En 2017 e en recoñecemento ao seu singular labor intelectual, alcanza a Medalla Castelao.