A tese abarca a inmigración española e particularmente a galega no Paraguai durante o período das grandes migracións transatlánticas. En primeiro lugar, analízanse as características cuantitativas deste fluxo migratorio (o número e o perfil demográfico dos inmigrantes españois ao longo do tempo e en función das distintas rexións de orixe). Abórdanse logo as cuestións cualitativas como a distribución física dos inmigrantes dentro e fóra da cidade de Asunción; os procesos de inserción socio-económica; o papel da man de obra estranxeira na transición paraguaia ao capitalismo trala Guerra da Tripla Alianza (1864-1870); as contribucións dos inmigrantes á política, á sociedade civil e ás artes; ou os seus vínculos con España e coas comunidades de emigrados no Río da Prata a través da prensa, os cónsules e outros mediadores culturais. Os resultados tamén aportan novos coñecementos sobre aspectos da historia paraguaia como a inmigración espontánea nos tempos do presidente Carlos Antonio López (1844-1862), o desenvolvemento da prensa e a literatura decimonónicas, a actividade galeguista do escritor paraguaio Eloy Fariña Núñez nos anos 1920, ou a Legión Civil Extranjera durante a Guerra do Chaco (1932-1935). A conclusión central consiste en que, malia seren poucos numericamente, a influencia dos inmigrantes galegos na historia do Paraguai foi considerable e desproporcionada ao seu pequeno tamaño como colectividade. Non obstante, hai que matizar que os contemporáneos non adoitaban percibilos como un grupo diferenciado dentro da colonia española.
O Paraguai como destino atípico da inmigración española: o caso dos galegos (1850-1960)
Autoría
Philip Duncan Webb
Dirección
Pilar Cagiao Vila
Fecha de lectura
20-05-2022